Historia

Historia do CD Valladares

Poucos son os datos que temos para facer unha cronoloxía exacta dos feitos acontecidos a partir do ano 1923 cando un grupo de homes decidiu formalizar o club. Pero grazas a una recopilación de papeIs, fotos e testemuñas recollidas por Isidro “Caseiro”, para a edición do libro de festas de San Campio no ano 1995, permítenos ter una idea da formación do club e as persoas que o fixeron posible, persoas coñecidas e recordadas aínda hoxe e que son os avós, bisavós e tataravós nosos e que nos inculcaron  o amor polo fútbol e o compromiso co club.

 Alá polo ano 1920 os movementos deportivos e sociais que se vivían arredor da fusión dos equipos Fortuna e Vigo para dar paso o nacemento do REAL CLUB CELTA DE VIGO, fixo tamén que na parroquia de Valladares acontecese un hito importante: a fundación do CLUBE DEPORTIVO VALLADARES no mesmo ano que o Celta,1923. Despois do proceso xestor encabezado por D. GENEROSO ÁLVAREZ TRONCOSO e D. SABINO PIÑEIRO PÉREZ formalizouse a formación do Clube Deportivo Valladares coa acta de constitución que di:

     “Na parroquia de Valladares, termino municipal de Lavadores, a dezaoito de febreiro de mil novecentos vintetrés, reunidos no domicilio social sito no barrio da Igrexa, previa convocatoria, os socios inscritos deica a data, baixo a presidencia da Comisión Organizadora, procedeuse á lectura do Regulamento polo que se a de rexir ista Sociedade, aprobada polo Ilmo. Sr. Gobernador da Provincia, co cal, tódolos presentes declaránse conformes e aceptan, procedendo seguidamente a elección da primeira Xunta Directiva que ha de administrar e rexir a Sociedade presente o corrente ano. Feita a votación e verificado o escrutinio, resultaron elexidos por unanimidade os seguintes:

PRESIDENTE: D. Auxilio Davila Piñeiro.                     

VICEPRESIDENTE: D. Cesareo Alonso González.

TESOREIRO: D. Evaristo Davila Guisande.                  

CONTADOR: D. Manuel Alonso Prado.

SECRETARIO: D. Sabino Piñeiro Perez.                        

 VICESECRETARIO: D. Jesús Barreiro Martinez.    

VOCAIS:D. Eugenio Troncos Vila, D. Venancio Davila Piñeiro, D. Jose Salgueiro Pérez , D. Faustino Davila Vila.

Conforme os elexidos toman posesión dos seus cargos neste acto e o Presidente Auxilio Davila declara oficialmente constituida a Sociedade Clube Deportivo desta parroquia e para que conste exténdese a presente acta da que se expedirá o correspondente certificado para que sexa inscrita no Rexistro de Asociacións do Goberno Civil da provincia, e todo elo, eu Secretario certifico.

                   O PRESIDENTE :                                                                                           

                     AUXILIO DAVILA

                 O SECRETARIO:

                      SABINO PIÑEIRO “

Os únicos vestixios que temos da Constitución do Clube Deportivo Valladares son: esta acta e un retrato da primeira formación do equipo (foto da portada da web) onde están:

N.1> D. Jose Vila Davila                                                                     

N.2> D. Generoso Álvarez Troncoso

N.3> D. Eugenio Alonso                                                                      

N.4> D. Sabino Piñeiro Pérez

N.5> D. Cesareo Alonso Gonzales                                                       

N.6> D. Jose de San Andrés

N.7> D. Auxilio Davila Piñeiro (presidente e capitán)                           

N.8> D. Venancio Davila Piñeiro

N.9> D. Faustino Davila Davila                                                           

N.10> descoñecido

N.11> D. Angel Davila Costas                                                             

N.12> D. Alfredo de San Andrés

N.13>D. Lino Figueroa Guisande

Algunhas testemuñas citan tamén a D. Victor Barreiro, D. Claudio Barros, D. Lino Costas Costas, D. Rato Guisande, D. Máximo Davila e D. Marcelino como fundadores do club.

Xa no ano 1924 a directiva dividiuse en dous bandos por mor da ubicación do campo de fútbol, que daquela estaba no Alto da Garrida entrando no Camiño da Pomba. Esta circunstancia, a Redención dos Foros e a emigración de parte dos compoñentes da directiva e do equipo para Sudamérica na década 1920-30 sumiu o equipo nun pequeno letargo ata o ano 1933 cando AMADEO VILA IGLESIAS tomou o relevo e asume a presidencia encomezando a renovación do equipo...

Os partidos xa se xogaban no campo actual, non se estaba federado pero xa se desprazaban, a cargo de todos, os campos de Tui, Guillarei, Santa Comba, Goián, A Guarda…

No 1936 estalou a Guerra Civil Española e o equipo viviu un novo letargo, retomando a actividade despois dela, sendo a etapa onde algún xogador xa empezaba a federarse noutros equipos como Matamá e San Andrés de Comesaña e tamén se traía algún xogador de fóra.

Despois de Amadeo tomou o relevo como presidente do club TEOFILO e a sede social era un cuarto na actual Alimentación Valladares.

Cando o presidente Teofilo deixou o posto alá polo 46 pasaron uns anos sen fútbol na parroquia ata que en 1948 outro equipo de persoas volveron a organizarse e despois de varias xuntanzas e contactos asume a presidencia EDELMIRO BARREIRO ALONSO. O traballo desta xunta foi o de federar o equipo e ampliar o campo de fútbol comprando os terreos colídantes.

O equipo federouse na Delegación de Vigo na tempada 1950-51.

No 51 substitúe a Edelmiro no seu cargo ENRIQUE BARREIRO sendo o presidente máis efémero do club pois só dura uns tres meses dado que emigrou a Arxentina…

Para a tempada 51-52 asume a presidencia MANUEL BARREIRO ÁLVAREZ que permanece no cargo ata a 56. Nesta época inscríbese o club na Federación Galega de Fútbol (31-Xaneiro-1953). Tamén se traballa nas facetas burocráticas do club como o local social, impresos, deseño do escudo, etc.

Na tempada 55-56 colle o cargo ALBINO COMESAÑA FREIRÍA, nesta época inscríbese o club na Subdelegación do Val Miñor. Daquela íase xogar contra Tui, Erizana, Goián, Miño, Caldelas, Val Miñor, Rivera, Guardés…

Consolídase asimesmo o actual escudo, aínda que en plena ditadura de Franco houbo que liala como só os de Valladares saben facelo porque a coroa que ostenta o escudo non a deixaban poñer e a argucia utilizada foi dicir que esa coroa pertencía o Marquesado de Valladares e que o escudo figuraba na Capela do Monte Alba.

Valladares sempre deu bos xogadores e a canteira nos anos 58-59-60 deu un gran equipo de Xuvenís quedando campións de liga na tempada 59-60. Neste equipo xogaba VÍCTOR DAVILA (centrocampista) que foi o único xogador nativo que xogou na 1ª División do fútbol español.

Rematada a tempada 59-60 asume a presidencia SERVANDO VILA DAVILA que non son capaces de aguantar o equipo maior (que só daba desgustos pois rara era a tempada onde non nos quitaban puntos por alineacións indebidas ou dobres fichas dalgún xogador) e seguen cos xuvenís, pero aínda así volve desaparecer o fútbol na parroquia ata a tempada 65-66 onde colle a presidencia LUCIANO RODRÍGUEZ ÁLVAREZ, e durante a cal, una muller, Dª JUANA RODRÍGUEZ ÁLVAREZ, faise cargo da lavandeira do club e acaba gañando por méritos propios o “titulo” de “Madriña do Club”. Nesta etapa iníciase o proceso de consolidación da entidade a tódolos niveis, directiva, secretaría, estado do campo, equipo e adestrador, xogando as competicións da Liga e Copa Comarcal.

A tempada 69-70 iníciase coa nova directiva tendo de presidente a GUILLERMO DAVILA GONZÁLEZ onde se seguen os pasos marcados polas anteriores.

No 70-71 faise unha renovación na Xunta Directiva e presídea IGNACIO COSTAS PIÑEIRO que o deixa o remate da mesma facéndose cargo JUSTO FILGUEIRAS TRONCOSO que botou 6 tempadas ao cargo do club (ata 76-77) e na que o Valladares coñeceu cotas importantes na súa historia. Durante esas 6 tempadas o adestrador do equipo foi ANTÓN LAS ERAS, con el no banquillo xogáronse dúas fases de ascenso a Rexional Preferente, non acadando ningunha.

Pouco a pouco chegou a decadencia do equipo rematando o ciclo de Justo na tempada 76-77.C omo anécdota contar que nesa época púxose de “moda” a idea de facer nas Gándaras un campo de aterrézase dun helicóptero que se encargaría de ir buscar os xogadores alí onde destacasen, pero só quedou niso, nunha anécdota.

As tempadas 77-78 e 78-79 foron etapas de transición e asentamento do equipo e do club renovándose a xunta directiva con DAVID COMESAÑA VILA ao fronte.

Novo ciclo con ANTONIO ALMUÍÑA DOMÍNGUEZ como presidente para as tempadas 79-80 ata 82-83. Un feito histórico a destacar nesta etapa é o ascenso a serie A no mes de maio do 81.

Na tempada 82-83 a situación deportiva e económica do club impón una asemblea extraordinaria xeral convocada polo presidente e óptase por crear una Xunta Xestora polo sistema de antigüidade coa cal queda de presidente DELIO GUISANDE ALONSO que o remate da tempada convoca eleccións e sae reelixido. Nesta época comezan os traballos da creación da nova grada e a modificación do firme do campo. Nunha nova asemblea de socios de setembro do 83 acórdase pasar o fútbol menor o CCAR e os xogadores que vaian cumprindo a idade pasarán o equipo de maiores.

Iníciase a tempada 83-84 en Primeira Rexional quedando 2º o remate da mesma, xogando a promoción contra o Leiro e ascendendo a Rexional Preferente. Tamén se gaña a Copa Comarcal vencendo ao Ponteareas.

Na tempada 84-85 acádase o 5º posto e fanse trámites co Concello e coa Xunta para a grada e os vestiarios.

Para a tempada 85-86 revísase o convenio co CCAR e noméase a SERGIO ESTÉVEZ DAVILA como representante do club diante da Escola de Fútbol e nese ano celébrase o primeiro certame deportivo a favor da Escola.

A tempada 86-87 ten como novidade a creación do Valladares B e o fito histórico máis importante do club é o ascenso a 3ª DIVISION NACIONAL, quedando 3º na liga e xogando a fase de ascenso co Brigantium, empatando a ceros en Betanzos e o día 31 de maio de 1987 gañando na Gándara por 3-2, goles de Lino e dous de Manolo (Turbo).

O equipo formabao José Carlos Comesaña Costas, Laureano Rodriguez Barreiro, Julio Ceide Gonzalez, Francisco Almuíña Pérez, Eusebio Comesaña Rodríguez, Roberto Alonso Leirós, Agustín Fernández Troncoso, Lino Vila Alonso, Manuel Lago Pérez, Víctor Barreiro Figueiro, Francisco Javier Álvarez González, Antonio Paz Fernández, Julio Davila Costas, Jose R. Miguélez Gil, Jose Pichel Davila e Enrique Ávarez Pérez.

Para a tempada 87-88 existe una remodelación da Xunta Directiva tomando o mando DELIO GUISANDE ALONSO e pouco durou a experiencia na 3ª división pois descenderon a serie A.

Nova tempada, nova directiva e novos prantexamentos para a 88-89 tomando a presidencia do club CARLOS GONZÁLEZ DAVILA que durou ata a tempada 91-92 cando colleu a directiva EMILIO PORTELA BOUZAS.

A tempada 88-89 rematouse cun meritorio 9º posto acorde co modesto presuposto do club e tirando da canteira da Escola. Como anécdota contar que daquela facerse socio da club costaba 4000 pts. por parella, poucos cartos para todo o que se facía con eles.

O CD Valladares comeza a temp. 92-93 con D. EMILIO PORTELA á cabeza e co equipo renovado completamente por mor das baixas, baseándoo na Escola de Fútbol, cunha media de idade de 20 anos, máis 4 ou 5 veteranos de fóra. O adestrador era TITO pero os malos resultados fixeron que o relevo fose QUIN BALBUENA rematando a tempada na preferente nun bo posto.

Xa na tempada 95-96 houbo outra crise económica, deportiva e institucional no club tendo que deixar o posto o presidente Portela e collelo unha Xunta Xestora para, xunto cos xogadores, arranxar o desaguisado, tapar buratos e pagar pufos adquiridos pola mala xestión.

Comezamos a temp. 96-97 cunha nova Xunta Directiva formada por CARLOS GONZÁLEZ DAVILA, que xa fora presidente en anteriores tempadas e BASTERO de adestrador, acadando o ascenso a Rexional Preferente quedando como campións de liga.

Chega o 75º aniversario do club na temp. 97-98 co obxectivo cumprido da permanencia, non sen sufrimento, pois polos pelos salváronse quedando no posto 13º. Xa na seguinte, 98-99 cos reforzos de fóra e os rapaces da canteira logrouse un 6º posto na clasificación sendo MONCHO adestrador.

Aquí acaba o ciclo desta Directiva e o novo século comeza con JOSE "JANCHO" como presidente na tempada 99-00 e con MONCHO e FRAN despois de adestradores, salvando a categoría con moi bo remate de liga.

A directiva votou novamente por FRAN COMESAÑA coma adestrador, que salvou o equipo do descenso, apoiado por CASEIRO como director técnico do club, e non se equivocaron pois deixaron o equipo nun meritorio 7º posto.

A tempada 01-02 acaba co descenso do equipo a Primeira Rexional con RUBEN ALMUÍÑA como adestrador, que se propuxo non deixar o equipo ata devolvelo a Preferente e fíxoo na campaña 03-04 xa con CHASQUETE de presidente, pero a desgraza fixo que voltaran a baixar na temp. 05-06 sendo un pau para todos. Almuiña e Chasquete só durarían un ano máis no club, ata a tempada 06-07.

A época de Chasquete por ser máis recente trae a memoria máis datos. Así como que aínda que Jancho foi o que trouxo, o hoxe en día capitán CALADO, na temp 01-02, foi con Almuiña e con Óscar Vila de mediador os que o fixeron posible. Trece tempadas leva con ésta o noso capitán, que sendo de Beade parece máis de Valladares ca algúns e que é querido e respectado por todos. Moitos son os críticos que lle queren dar o retiro pero Calado aos seus 37 anos segue dándoo todo domingo tras domingo coma sempre.

Tamén nesta época se crea o Torneo de Pretemporada "MEMORIAL MOISÉS" en honra ao falecido D. MOISÉS RIAL do Restaurante Moisés, vicepresidente e máximo colaborador do club, sendo o primeiro partido na temp. 03-04. Tamén se fai a misa e a ofrenda floral na Igrexa de Valladares. Este torneo está moi ligado ao club polo que representou D. Moisés e representa agora a súa familia que seguen axudando, pese a crise, económica e materialmente ao club como patrocinadores e colaboradores activos. Polo equipo pasaron os seus fillos e ben orgullosos estamos deles.

Outra das historias que remata nesta época é a do porteiro e capitán EDU "CURTA", que comezou na escola de fútbol na temp. 88-89, xogou en 3ª división en varios equipos e voltou a Valladares para axudar o retorno do equipo a preferente.

Tamén nos deixa o gran ÓSCAR VILA na temp. 06-07 por motivos persoais, aínda que seguiría traballando para o club e a escola de fútbol como adestrador dos pequenos e despois xuvenís.

Que dicir do outro dos irmáns máis emblemáticos do club, KIKO "CURTA", que tamén nos deixa nesta época debido as continuas lesións, outro que leva o club no corazón e non o deixou de lado.

O sentimento polo fútbol en Valladares é tan grande que ningún dos xogadores que pasaron e pasan polo club o abandoa de todo, algúns marcharon por probar cousas novas pero a morriña fíxoos vir de volta, outros xubiláronse e pasaron a formar parte dos equipos técnicos do club e da escola e outros coma directivos ou empregados voluntarios, todos do CD Valladares. Iso confirma as miñas sospeitas de que Valladares como parroquia e as xentes de Valladares do mundo do fútbol en especial son xentes especiais.

Pero sen duvida o feito máis salientable nesta etapa de Chasquete, e podiamos dicir que na historia do club, foi a renovación que sufriu o campo. Despois de pasar parte da tempada 06-07 xogando "de prestado " no campo de Vilariño, por fin o 6 de Xaneiro do 2007 inaugurouse o campo de herba sintética que tanto merecíamos. Foi o gran legado desta directiva.

Entrando na tempada 07-08 con DORO de presidente, FRAN COMESAÑA faise cargo do equipo outra vez, salvando os mobles e a categoría a última hora. Un feito salientable desta presidencia é o de aproveitar os rapaces da Escola de Fútbol creando o Valladares B para que os xogadores non marchen da casa. Durou pouco a experiencia pola falta de presuposto e os malos resultados.

Fran deixa o posto na seguinte tempada dando o paso e a confianza a ÓSCAR VILA como adestrador na 09-10. Home con moito carácter, peleón e controvertido que fai do fútbol na Gándara un espectáculo coas súas pelexas dialécticas cos tríos arbitrais que o expulsan con so dicir "ay". Na súa primeira tempada como adestrador fai unha excelente clasificación pelexando polo ascenso case toda a tempada.

Neste ano outro dos grandes que nos deixa, PANUCCI. Inda hoxe son recordados os seus balóns en Alquipos, pero tamén queda e segue vinculado o fútbol na Gándara como adestrador en categorías inferiores E que dicir de GUISANDE e as súas "galopadas" que eran aplaudidas por uns e criticadas por outros pero que a ninguén deixaban indiferentes.

Remata a época de Doro na temp. 10-11 deixando a Vila como adestrador na 1ª rexional, o B case desaparecido e a fusión do club coa escola.

Toma o relevo a nova directiva na tempada 11-12 con ROBERTO GUISANDE SALGUEIRO "BOTÓN" como presidente e tendo detrás un equipo novo e "da casa", todos antigos xogadores do club e que coñecen de primeira man o que son os valores do fútbol na Gándara, coas súas cousas boas pero tamén malas. Neste 1º ano con Vila de adestrador acádase o logro desexado tantos anos despois, o ascenso a Rexional Preferente . Foi un ano moi duro e complexo por problemas que só os que o viviron e sufriron o saben pero aínda así o orgullo e pundonor dalgúns fixo posible gañar a partida e subir de categoría. Bágoas de ledicia pero tamén de rabia contida rodaron por mais dun e a celebración, primeiro en Domaio e despois na Gándara é recordada aínda hoxe pois o "rapado" de pelo dalgúns deu máis dun falar. Cambiada a plantilla e o corpo técnico por completo na seguinte tempada 12-13, con aires novos e novas técnicas traídas de fóra, con JULIO ÁLVAREZ DE BUYLLA como adestrador asentouse o equipo na rexional preferente, sufrindo a ratos.

Contábase con el para a nova tempada pero unha oferta para adestrar en 3ª fixo que marchara e levara con el o seu corpo técnico e a Adrián, o noso porteiro titular, fillo de Moisés, que seguro chegará moi lonxe coas gañas e ilusión que ten.

Entramos na 13-14 con MARCOS de adestrador e aínda non sabemos o que nos deparará o futuro, pero iso xá é outra historia...

Esta directiva, nova e ilusionada, ten como obxectivo a permanencia e porque non, se hai sorte, o ascenso. Están implicados ao máximo metendo e innovando coas novas tecnoloxías, como o facebook" CD VALLADARES", e a estreada fai pouco páxina web "CDVALLADARES.COM". Tamén se traballa arreo na cantina cun equipo de voluntarios excelente pois fan falta os cartos máis ca nunca debido a crise que atravesamos. Totalmente acondicionada e reformada é un dos maiores ingresos que ten o club e é refuxio para todos. Outra das innovacións desta directiva é o "merchandaising",vendendo bufandas, camisetas e peluches coas cores do club tendo moi boa acollida por parte de todos. Bonito é ver aos afeccionados nunha tarde de frío na Gándara lucindo as bufandas branquiazuis orgullosos do equipo.

E aquí rematamos, ésta a nosa historia, sentimos decir que breve nalgúns anos pola falta de datos e quizais deixamos atrás a alguén, pedimos perdón por iso.

  • Camiño do Futbol s/n
     Valladares,36315 Vigo

  • Telf: +34 986 468597 - Oficina-Fax
  • Telf: +34 986 467053 - Oficina CCAR
    +34 986 467052 - Fax CCAR

        

CD Valladares twiter